Wednesday 15 de May de 2024

Alumnos e mestres da Montanuniversität de Leoben (Austria) visitan as minas de San Finx


Un grupo de alumnos e mestres da Cátedra de Enxeñería de Minas e Tecnoloxía Mineira da Montanuniversität de Leoben (Austria) visitaron esta semana o complexo mineiro de San Finx (Lousame). Unha visita na que estiveron guiados pola técnico municipal Mayte Sobradelo, quen lles explicou tanto a historia das minas e a súa evolución ao longo dos anos, como o traballo realizado polo Concello de Lousame para rehabilitar e poñer en valor o patrimonio da mina de San Finx.

Tanto os futuros enxeñeiros de minas austríacos como os seus mestres amosáronse moi interesados en coñecer polo miúdo a importancia que a extracción de estado e de wolframio tiveron na zona dende finais do século XIX ata a posguerra civil española. De feito, non só realizaron numerosas preguntas sobre o tema, senón que amosaron fondos coñecementos da extracción de wolframio en Galicia.

Así mesmo, os representantes da Montanuniversität de Leoben destacaron o valor histórico tanto da maquinaria como da documentación e trebellos relacionados coa mina que se expoñen no museo de San Finx; e amosaron o seu interese pola última fase deste proxecto: a adecuación dun tramo de galería soterrada para que poida ser visitada polo público. Unha actuación que convertería ao complexo lousamiano nun referente internacional en canto a turismo e patrimonio industrial mineiro se refire.